A Verónica
Pero toman, tomamos, toMo
a vida toda
coa espesura dun batido
de lama
coa negrura
do bico de ourizo
con ganas
succionamos a gota primeira
do momento gardado
a última gota que molla
o lamazal cuberto de xuncos
onde nunca ousamos
poñer o pé.
xogos fóra de órbita
alleos a chifres donos
pequenas amigas en sonos de rías
remuíños (risas de baixamar)
nadando con só con
pensamentos
preto...
do cemiterio de barcos
tres décadas pinzan
con forza
salvaxes visións
túas. miñas
guerras con leña
transformada logo en pan do bo
entón o berro: tras a ida do morcego
o contratempo do tropezón na escaleira
que tímida, cede todo o seu ser á altamar
e corriches raios, os teus pés con anos
como quen perde compañeira
sen pensar nin imaxinar sequera
encontraríalo xusto alí
edificado e con xesto
no bulleiro
en desafío testán ao cárcere do tempo
zapato vello xa non máis meu
/do atado de tesouros
varios
que lanza a auga de súpeto
cando pensamos que
perdémolo todo/
zapato teu por sempre
por esforzarte íntegra
en conservar o lazo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario